Inês Montenegro

Acta da Xunta Extraordinaria da Real Companhia Vinícola do 13 de Marzo de 1919

1919 Porto

Acta da Xunta Extraordinaria da Real Companhia Vinícola do 13 de marzo de 1919

Presentes: D. José Maria Guedes, Conde de Samodães (Presidente e Socio Maioritario), D. Maria da Assunção Pacheco (Socio), D. Francisco de Assis Ramalho (Socio), Mário Monteiro (Tesoureiro), António Francisco Teixeira (Secretario-Xeral).

Ás nove do día 13 de marzo de 1919, na sede da Real Companhia Vinícola, na rúa de Entreparedes, no 42, Antonio Francisco Teixeira iniciou os traballos coa lectura da acta da sesión anterior, aprobada sen modificacións. Comezou entón a axenda da xornada, que se considerou o suficientemente importante como para xustificar unha reunión extraordinaria: a presentación, por parte de Ilya Ilyich Mechnikov, da cepa denominada Saccharomyces Monarchica, unha nova especie de lévedo destinado non ao consumo, senón á produción de combustible. Tomou a palabra D. Francisco de Assis Ramalho, que opoñía a implicación da organización no que considerou «unha aberración da natureza», alegando que a Real Companhia se creou coa intención de protexer e promocionar as bebidas da mesa, non «baixezas de motor». D. Maria da Assunção Pacheco opúxose, sinalando que tanto o solo como os viñedos serían iguais, non sendo o seu uso final un factor determinante da calidade do produto.  Así mesmo, lembrou que as orixes da propia Real Companhia se entrelazan co avance sociocultural, ao impulsar o espumoso «nun momento no que se recibían poucos investimentos», deixando claro que a Real Companhia afronta actualmente «unha situación similar». D. José Maria Guedes, Conde de Samodães, solicitou ditame económico ao Tesoureiro Mário Monteiro. Tras un veredicto positivo «a longo prazo», deixando a advertencia de que os viticultores sufrirían perdas iniciais pola necesidade de substituír os viñedos existentes pola cepa Saccharomyces Monarchica, o Conde de Samodães aceptou favorablemente os argumentos expostos por D. Maria da Assunção Pacheco. A continuación, realizouse unha votación rápida, reunindo a maioría absoluta D. José Maria Guedes e D. Maria da Assunção Pacheco, en contra do voto de D. Francisco de Assis Ramalho, para a recepción e promoción oficial de Saccharomyces Monarchica por parte da Real Compahia Vinícola.

Non habendo máis asuntos que tratar, dáse por pechada a sesión, e a devandita acta foi redactada por min, António Francisco Teixeira, Secretario Xeral, e asinada por todos os presentes.

Alessio Fiorentino
Referencias

«Artigo publicado na Real Gazeta Invicta, aquando da inauguração da II Exposição Industrial Portuguesa, no dia 17 de janeiro de 1920», Inês Montenegro

Documentación
Imprimir

Comentarios